InicioCulturaA biblioteca de Figueras alimenta a paixón por escribir

A biblioteca de Figueras alimenta a paixón por escribir

Este venres preséntase un libro con catorce relatos asinados polos participantes do taller de escritura creativa

Publicada o

- Advertisement -

“O século XX foi o da universalización da lectura, e o XXI será o da universalización da escritura”, ten dito en diferentes intervencións públicas o escritor Gonzalo Moure.  O autor divide o seu tempo entre a creación propia e máis a promoción do hábito lector e escritor en diferentes lugares do planeta. E tamén en Figueras, vila da súa familia materna, onde serve de guía no taller  de escritura creativa organizado pola Biblioteca Miguel G. Teijeiro, que puxo en marcha a actividade en 2015.

“A idea xurdiu a partir do club de lectura de adultos. Daquela só había tres talleres de escritura en Asturias“, conta sobre os inicios a responsable do centro e promotora da iniciativa, Josefina López.

PRESENTACIÓN

Este venres, na casa da cultura figueirense (19.00 horas, coa actuación da rondalla Armonía), preséntase o libro ‘Pudo pasar en Figueras‘, con catorce relatos asinados por participantes do obradoiro. “Propuxémonos escribir sobre temas relacionados co pasado da localidade. Cada autor colleu un asunto do seu interese e fixo unha investigación histórica. A partir dese traballo de documentación, construíron os seus relatos”, comenta a bibliotecaria.

O ESCRITOR GONZALO MOURE, CON RAÍCES NA VILA, SERVIU DE GUÍA PARA OS PARTICIPANTES

“Moita xente do pobo axudounos achegando información. Beatriz, unha señora case centenaria que conserva moi ben as súas lembranzas, foi unha das nosas referencias”, comenta López, quen ademais de poñer en marcha o taller contribúe como autora ás publicacións –desta vez cun relato baseado na caza de baleas-.

AUTORES

Mylene Ziegler –de orixe francesa, e residente en Figueras desde hai catro anos – optou por recuperar a visita á localide do poeta Luis Cernuda en 1935. “Veu coas Misións Pedagóxicas e participou en varias das súas actividades, lecturas de poemas, representacións de obras de guiñol, proxeccións de películas”, conta, entusiasmada.

“Uns días antes puiden ver un documental sobre as Misións Pedagóxicas da Segunda República e interesoume moito o tema”, explica a autora, que ata integrarse no taller de escritura –cando comezou a funcionar- escribía algúns textos que nunca viron a luz. “Axudoume a perfeccionar o español”, comenta.

un dos relatos trata a visita de cernuda á localidade. outro, a vida dos lancheiros, que comunicaban as beiras do eo

Outros autores atoparon na memoria propia a inspiración para os seus relatos históricos. Antonio Valle escribiu “Hombres valientes: El pasaje en la ría“, que recolle a difícil vida dos lancheiros que comunicaban unha e outra beira do Eo. “O meu sogro foi un deles, e contaba moitas historias de travesías complicadas, en condicións ás veces moi duras polo frío e a néboa, que tiñan que superar se querían cobrar e gañarse a vida”, conta este empregado de banco xubilado, ao que lle gustaba xa coidar os seus informes financeiros.

“Sempre me gustou escribir e no taller vexo que vou mellorando”, expón, agradecido polo traballo “altruísta e desinteresado” de Moure. “Situounos a todos na liña de comezo dun escritor novel. Se non fose pola súa axuda non conseguiriamos estas metas”, conclúe.

TERCEIRA PUBLICACIÓN

A metodoloxía era coñecida para a maioría dos autores, que repiten experiencia. “Pudo pasar en Figueras” é o terceiro título desta colección de obras colectivas. As anteriores publicacións foron “Escrito en Figueras” (2016) e “Figueras cuenta” (2017), editadas polo propio taller. “Tiveron moito éxito entre os veciños”, apunta Josefina López.

TEMAS

A idea de buscar a inspiración en episodios da historia local xurdiu na pasada edición do taller. A pegada dos peregrinos que durante séculos percorreron o Camiño do Norte a Santiago de Compostela, o muíño de mareas de As Acias, o levantamento do Gremio de Mareantes contra o poder establecido a finais do XVIII, os esqueletes dos barcos afundidos na ría ou a industria conserveira que dinamizou a economía figueirense na primeira metade do século pasado son só algúns dos variados asuntos que centraron os relatos escritos nestas dúas últimas edicións do taller. O pasado revelouse como fonte inesgotable de recursos temáticos,e agardan ampliar a conta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...